Nadal
Papá Noel a domicilio en Vigo: como preparar a súa visita
Que Papá Noel chame á porta e saiba o nome de cada neno é deses momentos que se lembran anos despois. Para que saia ben hai que preparalo un pouco antes. Isto é o que lles pedimos ás familias, colexios e empresas que nos chaman.
Reserva con tempo
As tardes das fins de semana de decembro e os días 22, 23 e 24 son os máis pedidos. Se tes unha data e unha hora concretas en mente, o mellor é pechalas canto antes. Entre semana e pola mañá adoita haber máis oco.
Cóntalle a Papá Noel quen é quen
A maxia está nos detalles. Antes da visita pasámoslle á familia ou ao centro unha lista sinxela:
- O nome de cada neno e, se hai irmáns ou curmáns, quen é quen.
- Algo bonito que fixese este ano: aprender a andar en bici, empezar o cole, axudar co seu irmán.
- Se hai algún neno con medo aos disfraces, para achegarnos con calma.
Con iso, Papá Noel pode falar con cada neno coma se o coñecese de verdade.
Os agasallos, mellor preparados nunha bolsa
Se queredes que Papá Noel entregue os agasallos, o máis cómodo é deixalos nunha bolsa co nome de cada neno ben visible, nun sitio onde non se vexan antes de tempo. Así a entrega é rápida e ninguén queda esperando.
Cos máis pequenos, sen présa
Entre o ano e os tres anos é normal que algún neno se asuste. Non hai que forzar: deixamos que mire de lonxe, que se achegue cando queira e, se fai falta, que reciba o seu agasallo no colo de mamá ou papá. A foto sae igual de bonita.
En colexios, empresas e locais infantís
Cando hai moitos nenos, axuda que alguén do centro teña a lista e vaia dicindo os nomes. Se ademais queredes que a visita forme parte dunha festa, pódese combinar con xogos, pintacaras ou globoflexia mentres os nenos agardan a súa quenda. Tes máis ideas na nosa guía de festas de Nadal infantís.
Papá Noel ou Apalpador? En Galicia tamén temos o Apalpador, o carboeiro que na Noiteboa lles apalpa a barriga aos nenos e lles deixa castañas. Se vos apetece un Nadal máis de aquí, tamén o podemos incluír na festa.
Levamos a Papá Noel a casas, colexios, empresas e locais infantís de Vigo e arredores. Cóntanos a data e cantos nenos sodes e propoñémosche como facelo.
Escríbeo AnaMestra de Educación Infantil e monitora de lecer e tempo libre. Anima festas en Vigo e arredores dende 2016.