Nadal
Festa de Nadal infantil: ideas para colexios, empresas e familias
En decembro todo o mundo quere a súa festa: o colexio, a empresa que convida aos fillos do persoal e a familia que xunta aos curmáns. Estas son as ideas que mellor nos funcionan e o que convén decidir antes.
Primeiro, a data
As fins de semana de decembro e os días antes das vacacións énchense rápido. Se a festa é de colexio ou de empresa, o ideal é pechala en novembro. Unha festa familiar pódese organizar con menos marxe, pero o 24, o 25 e o 31 case ninguén traballa.
Actividades que funcionan no Nadal
- Obradoiro de adornos para levar á casa: estrelas, coroas ou tarxetas. Os máis pequenos pegan e pintan; os maiores, recortan e montan.
- Contacontos de Nadal cos nenos dentro da historia, movéndose e respondendo.
- Ximcana dos trasnos: probas por equipos para recuperar os agasallos perdidos.
- Pintacaras de tempada: folerpas, renos, estrelas e árbores.
- Globoflexia para o rato de espera: bastóns, gorros e bonecos de neve.
Unha chiscadela galega: o Apalpador, o carboeiro do monte que na noiteboa apalpa a barriga dos nenos para ver se comeron ben e lles deixa castañas. Encaixa moi ben nun conto ou nunha ximcana e gústalles aos que non o coñecen.
Se é de colexio ou ANPA
Con moitos nenos, mellor por estacións: cada grupo pasa polo obradoiro, o conto e os xogos e ninguén agarda cola. E un final todos xuntos, con música, para a foto.
Se é de empresa
O que máis se agradece é que os pais poidan estar tranquilos un anaco: unha zona para nenos coa súa propia programación, separada da comida e dos discursos. Convén saber de antemán cantos nenos veñen e de que idades, aínda que sexa aproximado.
Se é en familia
Con curmáns de idades distintas, o que mellor funciona é darlle un papel a cada un: os maiores de axudantes, os pequenos de protagonistas. Unha hora e media de animación adoita ser abondo para que os adultos coman sen interrupcións.
No Nadal preparamos festas de colexio, de empresa e familiares en Vigo e arredores. Mira como traballa a nosa dinamizadora de eventos ou pide unha proposta de animación infantil.
Escríbeo AnaMestra de Educación Infantil e monitora de lecer e tempo libre. Anima festas en Vigo e arredores dende 2016.